Cantiga

xénero da poesía medieval galego-portuguesa

A cantiga (ou cántiga) é o xénero típico da poesía medieval galego-portuguesa, que comprende o período de tempo que vai do século XII ao século XIV.

Recompilación

As cantigas están recollidas nos chamados cancioneiros, que reunían composicións de varios autores, como o Cancioneiro da Ajuda, o da Biblioteca Nacional de Lisboa e o da Vaticana. As cantigas relixiosas reúnense principalmente na colectánea Cantigas de Santa María, unha obra dirixida por Afonso X e centradas, como ben indica o título, nos milagres da Virxe María.

A cantiga máis antiga que se coñece é a "Cantiga da Ribeiriña" ou "Cantiga da Garvaia", composta por Paio Soares de Taveirós no 1189 ou 1198.

Métrica e tipos

Desde o punto de vista métrico, pódense distinguir dous tipos de cantigas:

  • Cantiga de mestría: acostuma ter catro estrofas co seguinte esquema métrico: abbacca, abbaccb, ababcca, ababccb. Carece de refrán (estribillo). Utilízase sobre todo nas cantigas de escarño e nas cantigas de amor. Teñen a súa orixe na poesía dos trovadores provenzais.
  • Cantiga de refram: o seu elemento característico é o estribillo (refram). A orixe é popular. É frecuente sobre todo nas cantigas de amigo.

Ambolos dous tipos de cantigas teñen en común o tipo de verso utilizado (octosílabos ou decasílabos, polo xeral) e mailo uso da rima consoante. Ambos os dous usan frecuentemente o paralelismo.

Distínguinse cantigas profanas e cantigas relixiosas.

Cantigas profanas

O corpus conservado e coñecido da lírica profana medieval galego-portuguesa está formado por un total de 1679 cantigas, pertencentes na súa maioría aos tres xéneros maiores:

  • Cantigas de amigo: xénero que agrupa 475 catigas aproximadamente. Nelas, unha muller xove e namorada fala do seu amigo.
  • Cantigas de amor: son arredor de 725 textos (case a metade do corpus). Dentro das leis do amor cortés (importadas da Provenza), un trovador diríxese á súa dama (a senhor).
  • Cantigas de escarnio e maldizer: a este xénero pertencen aproximadamnte 430 textos. En ambas as dúas o poeta critica ben a un inimigo particular, ben á sociedade no seu conxunto; porén nas de escarnio, o poéta válese de palabras encobertas, mentres que nas de maldizer expresa os seus vituperios ás craras.

Ademais desta división, hai unha serie de xéneros menores (non pola calidade, senón pola menor cantidade) que tiveron escaso desenvolvemento. Entre todos eles non chegan a 50 cantigas, e dalgúns consérvase un único exemplar. Son a pastorela, o pranto, a tenzón, o lai, o descordo, o sirventés moral, a cantiga de vilãos e a cantiga de seguir.

Véxase tamén

Ligazóns externas